CRTVG

Buscar

Así evolucionaron as recomendacións sobre o uso da máscara desde o inicio da pandemia

Publicado o 15/05/2020 15:43

Dez días despois de que se decretara o estado de alarma, o 25 de marzo, o Ministerio de Sanidade recomendaba o uso das máscaras só á xente enferma ou aos que coidaban de persoas contaxiadas. Tamén llas recomendaba ao persoal sanitario, pero non á poboación xeral.

A comezos de abril, o ministerio cambia de parecer e xa as recomendaba á poboación xeral sa. Como comunicou ese cambio? Pois o 21 de abril actualizou as súas recomendacións, con infografías incluídas, sobre como colocalas correctacmente. Iso si, aconsellábaas en dúas circunstancias: se non era posible manter a distancia de seguridade no traballo, na compra, en espazos pechados ou na rúa. A partir desa data empezamos a velas de forma masiva. Tamén incluía aquí como recomendación usalas no transporte público, onde, finalmente, se fixeron obrigatorias. Cando? 

Desde o luns 4 de maio o seu uso é obrigatorio no transporte público. Para facilitar o cumprimento, o Goberno repartiu 6 millóns de máscaras nos nós de conexión. Deulle 7 millóns á Federación Española de Municipios e Provincias e 1 millón e medio entre organizacións, como Cáritas ou a Cruz Vermella. Tamén a Xunta fixo repartición nas farmacias para ofrecérllelas de balde a colectivos vulnerables.

 

Noticias web

15/05/2020