CRTVG

Buscar

Así foi o primeiro día laborable en alarma por mor do coronavirus en Galicia

Publicado o 16/03/2020 22:50

Así foi o primeiro día laborable baixo o estado de alerta nas distintas provincias galegas. En Ourense o movemento nas rúas é nulo, tan só algún rezagado achégase a última hora o supermercado e algunha xente pasea o seu can. Polo demais xa ven, rúas baleiras e apenas tráfico en pleno centro da cidade, salvo as patrullas da Policía. Certo que durante a mañá houbo algo máis de movemento, pero a medida que foi avanzando o día a actividade foi minguando progresivamente. 

Ourense foi hoxe unha sucesión de rúas baleiras, comercios coa persiana botada e viandantes contados en pleno centro da cidade.  
Se a imaxe xa era atípica pola mañá, sendo como é un día laborable, o certo é que pola tarde esa sensación fíxose aínda máis intensa. As paradas de autobús e de taxi case desertas e a xente que sae as rúas para o xusto.

Semella que a cidade funciona a medio gas, e que a maioría segue as recomendacións das autoridades, que lembran que hai que saír da casa só para o imprescindible.

A Praza de Abastos instalou o reparto a domicilio para os bens de primeira necesidade e Cruz Vermella reforzou a súa atención a máis de 4.000 persoas vulnerables en Ourense.

Na provincia de Lugo duplicouse o número de contaxios, chegando nesta xornada ás dezaseis persoas infectadas. Como resultado do confinamento nas cidades, hai moita menos xente polas rúas da capital luguesa. Coma no resto do país, poucas son as persoas que se ven polas rúas de Lugo, como resultado do confinamento nos fogares. Practicamente os únicos transeúntes son aqueles que van ao banco, á farmacia, a pasear o can ou a uns supermercados que pouco a pouco volven reabastecerse de produtos de primeira necesidade como auga, leite ou papel hixiénico. Por outra parte, nos autobuses urbanos, que son de balde en todas as liñas, a metade dos asentos están inhabilitados para gardar a distancia mínima de seguridade. 

Nas principais arterias da capital luguesa, coma esta da avenida da Coruña, apenas se ve xente pola rúa. A maioría da poboación cumpre co confinamento nas súas vivendas, polo que practicamente os únicos viandantes son aqueles que van facer a compra ou van ao banco, aqueles que sacan a pasear o seu can ou os que van, ou volven, do seu traballo. 

"Veño de traballar. Agora, xa para a casa e a seguir facendo teletraballo atendendo os clientes por teléfono". 

 Así e todo, non todos gardan a distancia mínima de seguridade. 

"Debemos manter esa distancia porque é a nosa saúde a que está en xogo."

Os supermercados, co aforo limitado, pouco a pouco volven reabastecerse de produtos básicos como auga, leite ou papel hixiénico. Noutros servizos, coma as gasolineiras ou as farmacias, comezaron a tomar diferentes medidas de seguridade. 

En Vigo e en Pontevedra, escaso movemento hai e, nas horas vespertinas, aínda menos que nas da mañá, cando o pouco que segue funcionando se pon en marcha.

As farmacias e os supermercados xa son os clásicos desta corentena que aínda estamos estreando.

As redes sociais e os portais énchense, en cambio, de solidariedade e as cidades organízanse. Vigo realoxou en hostais ás persoas sen fogar que non están en albergues e no comedor de San Francisco, en Pontevedra, voluntarios de Protección Civil colaboran na entrega de comida en tuppers para máis de douscentos usuarios, os habituais e os nenos de familias sen recursos que viron pechados os comedores escolares.

E desde a reclusión, estamos vendo como tamén se poden abrir fiestras, para agradecer, entreter e mover conciencias. 

O pontevedrés Javier Lago é un dos músicos galegos que se suman á iniciativa Queda na casa e comparte a súa música a través das redes sociais.

 

Na Coruña repítese a imaxe cunha cidade prácticamente sen actividade nos espazos públicos. 

Unha praza de María Pita prácticamente deserta onde só vemos cruzar quen se dirixen a mercar alimentos ou a pasear as súas mascotas. Desde o concello facían nesta tarde de luns un chamamento aos cidadáns e empresas que dispoñan de máscaras ou de calquera material de protección para que o entreguen e poñelo a disposición dos empregados dos servizos sociosanitarios. Poucos minutos despois os chegaban as primeiras doazóns ao pazo municipal.

Nas zonas comerciais como é o caso da contorna do Obelisco é onde máis se nota o baleiro nas rúas. 

Unha cidade sen bares, nin restaurantes, nin terrazas, con zonas verdes pechadas. Nos autobuses, poucos pasaxeiros e os que hai mantendo as distancias. Tamén se manteñen as distancias nas ringleiras diante das tendas de alimentación onde cada un agarda a súa quenda.

A policía nacional pedía aos cidadáns que circulaban polas vías e espazos públicos que s dirixiran á súas casas e lembraba a situción de emerxencia sanitaria en que nos atopamos.

 

 

 

 

 

 

 

 

Noticias web

16/03/2020