CRTVG

Buscar

Asasinada unha muller de 73 anos na localidade granadina de Caniles pola súa parella

Publicado o 23/01/2020 10:14

A Garda Civil detén nunha vila de Granada o autor confeso do asasinato da súa muller. É o quinto caso de violencia machista en 2020 e o segundo en menos de 24 horas, despois do acontecido en Toledo. Ao parecer tiveron unha lea, acoitelouna e marchou da casa ata que o detiveron de madrugada deambulando pola rúa.

Acontecía na vila de Caniles. Atoparon o presunto asasino, de 77 anos, deambulando, desorientado polas rúas e con hipotermia. Recollérono e trasladaron ao hospital de Baza. No centro hospitalario, o home confesou o seu crime. A Garda Civil foi ao domicilio da parella e alí atoparon o corpo de Mari, de 73 anos, na cociña da casa, con varias coiteladas no pescozo. Segundo as primeiras investigacións dos axentes, o asasinato acontecera había xa horas. Ao parecer despois dun forcexo a muller foi asasinada.

Levaron o cadáver ao Instituto de Medicina Legal de Granada para facerlle a autopsia e o detido está no cuartel de Guadix, onde permanece á espera de ir declarar ao xulgado, o que non está previsto ata mañá venres.

"Temos que sentirnos co-responsables co que pasou hoxe en Caniles e non queremos que volva a suceder nun concello máis grande ou máis pequeno queremos que esta sexa a última muller que cae nos brazos da violencia machista", aseguraba a alcaldesa da vila María Pilar Vázquez.

O concello declarou tres días de loito oficial e convocou un minuto de silencio para amosar o absoluto rexeitamento de toda a vila a este crime. Segundo a alcaldesa Caniles é un exemplo de respecto cara á muller e sempre foi referente na loita pola igualdade.

 

Desde 2013, trinta e cinco menores foron asasinados polos seus pais ou polas parellas ou ex-parellas das súas nais, e 278 nenos quedaron huérfanos como consecuencia da violencia de xénero.

O 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 51 idiomas diferentes.
Os menores tamén poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10, e os cidadáns que sexan testemuñas dalgunha agresión deben chamar ao 112.

Noticias web

23/01/2020