CRTVG

Buscar

Asaltan unha vivenda en Vilar de Santos e deixan atado o matrimonio

Publicado o 18/12/2019 14:41

Aconteceu contra as oito da tarde nesta casa do Mosqueiro, no concello limiao de Vilar de Santos. O matrimonio escoitou petar, abriu a porta o home pensando que se trataba dun coñecido e cinco asaltantes coa cara tapada irromperon violentamente con coitelos, unha maza e un bate de béisbol. Golpearon a muller e atárona a ela e ao seu home mentres remexían a vivenda. Contárono as vítimas, que están moi asustadas e prefiren non falar á cámara.

Despois de provocar cuantiosos danos, os delincuentes conseguiron na vivenda uns 600 euros, algunhas xoias de ouro e quince décimos de lotería. Tamén levaron unhas cestas de Nadal que atoparon na empresa que o fillo das vítimas ten pegada á casa.

Fuxiron nun coche que, presuntamente, roubaron na propiedade, deixaron amarrado o matrimonio, que conseguiu liberarse e pedir auxilio por unha ventá, porque lle cortaron a liña telefónica e estragáronlles os móbiles.

En Trasmiras apareceu un coche queimado que a Garda Civil sospeita que é o que os delincuentes roubaron no Mosqueiro.

Outro roubo violento máis no despoboado rural ourensán. Polo de agora, non hai rastro dos asaltantes.

Noticias web

18/12/2019