CRTVG

Buscar

Este sábado pasará a disposición xudicial o detido polo asalto a unha vivenda en Vigo

Publicado o 27/11/2020 10:12

• Un axente de policía disparou ao aire cando os sospeitosos fuxían

Este sábado, o detido por participar supostamente no asalto dunha vivenda en Vigo, pasará a disposición xudicial.

Os autores pertencen a unha banda albanesa, que se caracteriza por actuar con moita violencia e unha gran profesionalidade. Neste caso, non foi asi. Non se decataron de que eran gravados polas cámaras de seguridade próximas. Son catro homes. Un foi detido case no momento. Buscan os outros tres. 

Fontes da Policía Nacional manifestaron que sobre as nove da noite deste mércores houbo un intento de roubo nunha vivenda. A investigación mantense en curso e procederase á toma de pegadas e pesquisas para saber o número de persoas implicadas nos feitos e identificalas.

Foron os veciños os que deron o aviso ás forzas de seguridade tras escoitaren ruídos. Segundo manifestaron testemuñas presenciais, os axentes chegaron cando os asaltantes trataban de sair da vivenda. Ao intentar detelos, fuxiron. Nese momento un policía empregou a arma regulamentaria e disparou ao aire. 

Un dos asaltantes caeu ao chan e puideron detelo. O suceso acabou sen feridos.

Noticias web

27/11/2020