CRTVG

Buscar

Asaltan unha estación de servizo de Sarria

Publicado o 24/10/2019 14:20

Foi de madrugada cando o aviso dunha central de alarmas alertaba dun roubo nesta estación de servizo de Sarria. O ladrón entrou por unha porta traseira que dá acceso aos baños e foi directo á máquina de tabaco, que arrastrou ata os servizos para fuxir das cámaras. Rebentou a máquina e colleu a recadación e despois foi cara á caixa rexistradora. Fixo o percorrido arrastrándose polo chan, pero os sensores de movemento captárono e comezou a soar a alarma, que o obrigou a fuxir cun escaso botín.

A Garda Civil xa está a investigar os feitos, pero nas imaxes captadas polas cámaras de seguridade apenas se ve o ladrón, que ía tapado con gorro e usou luvas.

Na vila están moi preocupados pola vaga de roubos que están a padecer nos últimos meses. Xa se viron afectados dende talleres e concesionarios ata establecementos hosteleiros.

Outro dos roubos rexistrouse nesta tenda de telefonía móbil do centro de Sarria, da que levaron terminais valorados nuns 16.000 euros. A Garda Civil detivo pouco despois no concello de Rábade os presuntos autores do roubo. Trátase de tres persoas ás que se lle acusa de máis de dez roubos noutras comunidades como Asturias, Cantabria ou Valencia, e o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019