CRTVG

Buscar

Asaltan e estragan varias igrexas en Terras de Melide

Publicado o 05/12/2019 14:43

A noite do martes ao mércores ladraron moito os cans en Santa Uxía e espertaron un veciño que prendeu as luces e, acto seguido, sentiu arrincar un coche. Saíu e encontrou a desfeita: a porta da igrexa forzada e os cristais rotos.
Os asaltantes fuxiron pola estrada que leva a San Antolín de Toques polo que alertou a Garda Civil ante o temor de que intentaran entrar alí tamén, como así foi. Afortunadamente, os estragos non danaron as tallas románicas únicas nin os frescos do século XV, pero si o sistema de seguridade.

San Antolín está entre aldeas despoboadas e con moitos veciños maiores que viven sós. Preocupados tamén pola súa propia seguridade, os fregueses propuxeron e subvencionaron o moderno sistema de alarma, agora estragado, que se instalou tras o verán. Por certo, os cartos do peto para financialo, a penas uns 30 euros, desapareceron.

Hai anos, os ladróns conseguiran levar a talla medieval orixinal de San Antolín e a actual é unha reprodución da efixie do patrón desta xoia perrománica do noso patrimonio.



 

Noticias web

05/12/2019