CRTVG

Buscar

Asaltan de madrugada unha tenda de Ribeira e en menos dun minuto levan os cartos da caixa

Publicado o 13/11/2019 13:32

Novo asalto nun comercio de Ribeira. Os ladróns entraron esta noite nunha tenda de fotografía e levaron os cartos da caixa rexistradora e diverso material. Entraron por un buraco na porta, de escasos 30 centímetros.

María, a propietaria, tivo que regresar este mediodía á Policía Nacional para ampliar a denuncia que presentara á primeira hora. Ao facer unha revisión máis a fondo, descubriu que lle faltaban un teléfono móbil, reloxos, auriculares e memorias USB, á parte dos cartos da caixa rexistradora, que foi o primeiro que botou en falta.

"Abriron a caixa e levaron todos os billetes e as moedas de 1 euro e de 2, incluso as de 50 céntimos. Pero as moedas de 1 céntimo e de 2 non lles servían", explica.

Todo aconteceu nun minuto, segundo os rexistros da cámara de vixilancia, que só chegou a gravar a luz dunha lanterna na escuridade. O rastro que deixou indica que o ladrón entrou chimpando un cristal da porta e foi directo á caixa rexistradora.

"Para entrar, o que fixeron foi romper a parte de abaixo da porta e coarse por un orificio moi pequeno, duns 30 centímetros. Entraron, foron á caixa, colleron os cartos e saíron, moi rápido. Xa debían saber onde estaba a caixa e todo", supón María.

Hai só unha semana que dabamos contra doutro roubo nun comercio da zona, situada en pleno centro da vila, moi preto da casa consistorial. E houbo máis nos últimos meses.

"Estamos con inseguridade porque non é o que che pasa, que che rouban e quedas sen os cartos ou cos estragos, é que estás na casa durmindo e pensando se me van entrar ou non. E iso pásanos a todos os comerciantes de Ribeira".

Así e todo, subliña, o máis urxente é que dean cos asaltantes.

Noticias web

13/11/2019