CRTVG

Buscar

Asaltan de madrugada dous bares do Cádavo

Publicado o 27/10/2020 12:53

Usaron unha pata de cabra para forzar as portas de entrada de dous bares do Cádavo e unha vez dentro cargaron as máquinas, previsiblemente, nunha furgoneta de grandes dimensións. Logo desfixéronas a golpes para coller os cartos e deixáronas tiradas en distintos puntos do concello de Baleira.

En total, levaron dúas comecartos, unha de apostas, unha de tabaco e unha rexistradora. O botín pode ascender a máis de 3.000 euros mentres que os danos causados serían doutros 2.000. Os afectados cren que os ladróns tiñan os locais vixiados e que se trataba dun grupo de máis de tres persoas e moi pouco profesionalizado, polos métodos tan rudimentarios que empregaron.

Juan Blanco, hostaleiro: "As máquinas apareceron tiradas e desfeitas nas pistas que van a Becerreá, Baralla e Fonsagrada. Eu creo que eran catro ou cinco persoas. Porque esa porta de seguridade, con tres peches, non se abre nun minuto. Aí pasaron tempo".

A semana pasada producíronse roubos de máquinas comecartos por este mesmo procedemento en localidades da Terra Chá como Muimenta e Castro de Rei. Por iso, a Garda Civil investiga se se trata dos mesmos autores. Nos casos do Cádavo, malia o ruído que deberon causar os ladróns, ningún veciño viu nin oíu nada.

Noticias web

27/10/2020