CRTVG

Buscar

As vilas e cidades galegas celebran o Xoves Santo

Publicado o 18/04/2019 22:09

Ferrol celebra un dos días grandes da súa Semana Santa. As procesións das confrarías das Angustias e Dolores que se celebran na tarde deste xoves santo son os desfiles de maior solemnidade e tamén de maior percorrido da Semana Santa de Ferrol. Trátase das procesións da Virxe das Angustias e a da Virxe da Piedade. A primeira delas saía á rúa ás sete e media da tarde desde o templo situado no barrio de Esteiro. A diferenza do día de onte, desta volta o bo tempo acompañou e permitiu a confrades, ferroláns e turistas gozar do desfile dos pasos.

O Xesús Nazareno e o Cristo da Agonía, dúas tallas do século XVIII, abren a procesión do xoves santo da Confraría das Angustias, irmandade en que moitos ven semellanzas coa Semana Santa de Cartaxena polo coidado que pon na orde dos penitentes. Completan o desfile o Cristo Xacente e a Virxe das Angustias, unha imaxe anónima do século XVIII. O seu trono, con 107 puntos de luz e máis de 3.000 rosas, é un dos pasos máis chamativos da Semana Santa ferrolá.

Grazas ao bo tempo tanto os turistas como os confrades que se deron cita no barrio de Esteiro puideron gozar este xoves santo dos desfiles.

Designa cofrade de honor ao Presidente da Xunta

O Presidente da Xunta recibiu esta tarde en Ferrol a medalla de ouro da confraría dos Dolores.
O xefe do goberno galego aproveitou a distinción para recalcar os valores espirituais e sociais da Semana Santa da cidade de Ferrol que todo goberno debe preservar. Alberto Núñez Feijóo anunciou amáis a colaboración da Xunta para rehabilitar a igrexa das Dolores, no barrio da Madalena, para que o templo poda abrir de novo as portas ao público.

O xoves santo péchase en Ferrol coa procesión nocturna da Piedade polo barrio da Madalena.

Noticias web

18/04/2019