CRTVG

Buscar

As saídas para partir do sábado organizaranse por franxas horarias

Publicado o 30/04/2020 13:12

O comité técnico para a desescalada, presidido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, estableceu hoxe as franxas horarias polas que se organizarán as saídas da poboación a partir do sábado.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, explica esta tarde en conferencia de prensa en Moncloa o alcance e os detalles da orde ministerial que determinará esas franxas horarias, que suporán novas medidas de alivio para a poboación, na denominada fase 0 da desescalada.

Illa, na súa comparecencia deste mediodía no Congreso, explicou que o Goberno é flexible ás propostas que procedan das comunidades autónomas e sexan diferentes á división territorial por provincias no plan de desescalada. Sempre e cando, precisou, que as unidade territorial proposta poida illarse con facilidade se é necesario.

"Estamos ante un proceso novo, moi complexo e descoñecido pero esperanzador", dixo, porque "conseguimos o primeiro obxectivo: reducir a transmisión do virus, pero non podemos baixar a garda".