CRTVG

Buscar

Bos días

As rúas de toda Galicia foron onte escenario de mobilizacións multitudinarias de mulleres para reclamar igualdade real

Publicado o 09/03/2018 09:11

As rúas de toda Galicia foron onte escenario de mobilizacións multitudinarias de mulleres para reclamar igualdade real, na que foi primeira folga feminista da historia de España. Das 45 marchas convocadas por toda a xeografía galega, as máis numerosas foron as de Vigo, Santiago e A Coruña.

"Se nós paramos, o mundo para".

Foi o berro que se escoitou nas rúas de toda Galicia durante a xornada reivindicativa que converteron o día de onte, 8 de marzo de 2018, nunha data para a historia da loita feminista, tamén en Galicia.

A manifestación máis multitudinaria foi a de Vigo. 45 mil persoas, segundo cifrou a Policía Local.
Mulleres de todas as xeracións, e homes, berraron contra o patriarcado, a fenda salarial, a precariedade laboral e a violencia machista.

Baixo o berro "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", as rúas da Coruña acolleron dúas marchas nas que participaron, segundo a Policía Local, máis de 33 mil persoas, nunha das manifestacións máis multitudinarias dos últimos anos.

En Santiago, 14 mil persoas percorreron e saturaron as rúas desde as oito da tarde ata ateigar completamente a praza do Obradoiro. O movemento estudantil foi do máis reivindicativo. Foi unha xornada festiva, pero sobre todo, para reivindicar dereitos. Os motivos, moitos.

"O acoso, a violencia, a fenda salarial e dentro do fogar".
"Non quero saír á rúa con medo".
"O século XXI é o século das mulleres. A revolución será feminista ou non será".

En Ourense, 15.000 persoas manifestáronse polas rúas da cidade baixo o lema "Para transformar a vida das mulleres", para visibilizar o importante papel da muller na sociedade e reclamar o cumprimento pleno dos seus dereitos.

As marchas tamén foron masivas en Lugo, en Ferrol, en Pontevedra, en Cee, no Barco ou en Monforte. Foron o colofón a 24 horas de reivindicación feminista pola desigualdade social e económica, un clamor para que hoxe sexa o primeiro día dun tempo novo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

09/03/2018