CRTVG

Buscar

As restricións, un duro golpe para o tecido empresarial en Ourense

Publicado o 08/10/2020 10:15

Unha das medidas que entran en vigor é a prohibición da circulación entre Ourense e Barbadás. Un dos sectores que o vai notar e o do comercio. Hoxe no Bos días falamos coa presidenta da Federación de Empresarios de Ourense, Beatriz Gómez, para afondar máis neste tema.

"Esta restrición de mobilidade afecta moitísimo o comercio, moitos sectores. Ourense vive moito do consumidor dos arredores", explica Beatriz Gómez. 

"Temos unha preocupación moi grande pola situación que vén nos próximos días, non hai unha data final", afirma a presidenta da Federación de Empresarios de Ourense.

Tamén asegura que a "tristura" se palpa nas rúas. "Cada vez vemos a cidade máis escura, iso transmite medo, e o medo paraliza". 

Sobre as reunións das persoas non conviventes, considera que hai "moitos sectores afectados", por exemplo a hostalería. "En Ourense temos unha cultura de estar moito na rúa", tamén salienta as florerías, pastelerías. E tamén o comercio que, di, vén dunha crise económica difícil. 

Dende a Federación de Comercio falan do desenvolvemento dunha plataforma en liña para paliar os posibles efectos da crise sanitaria. Inclúe máis de 700 comercios e 8.000 artigos subidos á plataforma. Consideran importante para o comercio físico ter "outra ferramenta de venda". E fan tamén un chamamento á "responsabilidade" colectiva da poboación ourensá e ao seu apoio. 

Noticias web

08/10/2020

Máis sobre Ourense