CRTVG

Buscar

As residencias galegas suman máis de 30 mortos e 577 contaxios

Publicado o 02/04/2020 15:35

Dos 577 casos confirmados en residencias de maiores, 428 son de usuarios e 149 de traballadores. Os centros de DomusVi en Barreiro, Vigo, e en Aldán, Cangas, son os máis afectados, con 176 contaxiados e 11 falecidos. Ambos os dous foron intervidos pola Xunta e os usuarios destes centros non afectados serán trasladados á residencia de tempo libre de Patos, en Nigrán, que está a ser acondicionada e desinfectada.

Mentres, continúa o traslado de usuarios de residencias con COVID-19 aos dous centros residenciais de coidados integrados postos en marcha pola Xunta desde o pasado 24 de marzo. O da residencia Porta do Camiño, en Santiago, cunha capacidade para 80 pacientes, conta con 12 persoas ingresadas e recibirá 8 máis no día de hoxe.

Para atender os enfermos instalouse un novo sistema de osíxeno e camas articuladas en todas as habitacións, e conta cun equipo de 20 sanitarios e 66 auxiliares.

O segundo destes centros para a atención de maiores con coronavirus está localizado en Baños de Molgas, en Ourense, con capacidade para 90 pacientes.

A Xunta anunciou que se realizarán probas sistemáticas nos 335 centros da terceira idade que hai en Galicia, para coñecer os positivos e derivalos aos centros indicados.

Noticias web

02/04/2020