CRTVG

Buscar

As residencias de maiores galegas suman 99 infectados, entre usuarios e traballadores

Publicado o 25/03/2020 23:58

Os maiores autónomos que viven nesta residencia de Porta do Camiño en Santiago foron trasladados ao hotel Congreso, que previamente foi desinfectado e acondicionado para acollelos. Son arredor de 60. O anciáns dependentes, uns vinte, quedarán no centro, pero perfectamente illados.

A residencia da Porta do Camiño queda preparada para acoller todos os maiores que dean positivo das residencias das provincias da Coruña e Lugo

No caso de Pontevedra e Ourense, os anciáns contaxiados irán á outra residencia habilitada, a de Baños de Molgas que xa está en marcha coa chegada dos 11 maiores con coronavirus procedentes da residencia San Carlos de Celanova. De momento son os únicos usuarios. A situación nesta residencia, que ten 93 prazas, é de normalidade, segundo a Consellería de Política Social.

A Xunta decidiu habilitar estes dous centros en Ourense e en Santiago para tentar frear os diferentes brotes de coronavirus nas residencias de maiores, por ser este un dos colectivos de maior risco e máis vulnerable.

As residencias de maiores de Galicia rexistran un total de 99 persoas infectadas por coronavirus, 78 usuarios e 21 traballadores, segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Política Social.


 

Noticias web

25/03/2020