CRTVG

Buscar

As próximas horas, determinantes para decidir o endurecemento das restricións en Santiago

Publicado o 28/10/2020 15:47

Santiago, con 86  positivos novos nas últimas horas, mantense como a área de Galicia con maior incidencia de coronavirus. As vindeiras 48 horas son claves porque se a situación non mellora, poderían endurecerse aínda máis as restricións na capital galega.

A necesidade de tomar medidas máis drásticas subliñouna o propio alcalde de Santiago. Falou de limitar as reunións aos conviventes nun ámbito territorial máis amplo, que incluía tamén os demais concellos da área metropolitana.

O que xa non está tan claro é que a cidade vaia agora mesmo cara a un confinamento perimetral.  É certo que a incidencia actualmente en Compostela é moi semellante á que tiña Ourense cando se pechou, pero as autoridades insisten en que hai que ter en conta outros parámetros como a densidade de poboación, a idade dos positivos ou a situación nos hospitais, circunstancias que en Santiago deixan parámetros máis favorables.

Sobre Santiago de Compostela póusase estes días a atención do Comité Clínico, que estuda a evolución dos datos, e a mirada de moitos medios e cidadáns, que comezan a especular cun peche perimetral da capital de Galicia.

O certo é que tras o pico da semana pasada e ao abeiro das primeiras medidas nótase unha contención do ritmo dos contaxios, que leva xa varias xornadas por baixo dos 100.

Hoxe cóntanse 1.186 contaxiados, 59 están hospitalizados e 11 máis en UCI. Datos hospitalarios máis favorables que os do CHOU cando perimetraron Ourense.

En Teo e tamén en Bertamiráns están atentos a se lles aplicarán tamén as restricións vixentes en Compostela e no Milladoiro, onde se fixeron cribados con menos participación da prevista.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, di que lle parece "impresentable" que non fose máis xente.

Na Coruña suman hoxe 100 novos positivos e 1.285 casos activos. Pero, proporcionalmente á poboación, preocupa máis a área de Ferrol que sumou 80 novos positivos e unha incidencia a 14 días de 263 casos por 100.000 habitantes.

Noticias web

28/10/2020