CRTVG

Buscar

Galicia contará con plantas públicas de compostaxe en todas as provincias

Publicado o 25/10/2019 12:36
Galicia contará con plantas públicas de compostaxe en todas as provincias

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsará a partir de 2020 a posta en marcha de tres novas plantas públicas de tratamento de biorresiduos para compostaxe nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, "ademais da que está xa construída" no complexo de Sogama, en Cerceda.   

Así o anunciou a conselleira, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para o próximo ano. En concreto, as contas do 2020 están provistas de cinco millóns de euros para impulsar estas tres novas plantas de compostaxe, pero a Xunta mantén "no cronograma outros 20 millóns" a este efecto.   

Así mesmo, Vázquez anunciou novas axudas para "a promoción de microparques empresariais" de titularidade municipal, e puntualizou que será no que queda do 2019 cando o Goberno autonómico leve á Cámara a lei de residuos e solos contaminados e aprobe a estratexia galega de economía circular.