CRTVG

Buscar

As protestas polas restricións anticovid esténdense por Italia

Publicado o 27/10/2020 14:34

Os primeiros signos de descontento polo endurecemento das restricións para evitar contaxios por covid-19 rexistráronse días atrás en Nápoles e Roma, pero esta noite a tensión acumulada estoupou violentamente no norte do país.

Milán, Turín e Trieste foron escenarios de graves enfrontamentos entre grupos de encarapuchados e a policía italiana, que utilizou gases lacrimóxenos para dispersalos.

O Ministerio italiano do Interior responsabilizou dos incidentes a provocadores de ultradereita e informou de dez arrestos. Os disturbios coinciden coa entrada en vigor do decreto que obriga a hostaleria a pechar ás seis da tarde e clausura outras actividade de ocio para frear a pandemia.

Co quince por cento das prazas UCI ocupadas por pacientes infectados polo coronavirus, as autoridades italianas habilitaron 1.600 camas adicionais para críticos, que poderían ser insuficientes diante do rápido crecemento dos contaxios. 

Ao bordo do colapso están tamén os hospitais en Francia, que soportan ata sete veces máis de ingresos por covid-19 que en marzo. Segundo o comité científico que asesora o Goberno, os contaxios reais achéganse aos cen mil diarios.

Diante da gravidade da situación sanitaria, o presidente Emmanuel Macron liberou a súa axenda e convocou dúas reunións extraordinarias do seu Goberno para adoptar novas medidas que poderían chegar a un novo confinamento nacional.

Noticias web

27/10/2020

Máis sobre actualidade