CRTVG

Buscar

As protestas contra o acto de Vox en Barcelona deixaron sete detidos e cinco feridos

Publicado o 30/03/2019 21:05

A tensión comezaba xa unha hora antes de que se iniciase o acto convocado por Vox, nas inmediacións da praza de España en Barcelona.

Colectivos de esquerda e antifascistas, como Arran (grupo independentista ligado á CUP) e os CDR, manifestábanse contra o acto do partido de ultradereita que lidera Santiago Abascal.

Ante os posibles altercados, os Mossos tiñan acordoada a zona con ducias de furgonetas dos antidisturbios.

Os manifestantes, unhas 300 persoas segundo a Garda Urbana, moitos deles coa cara cuberta, formaron barricadas con colectores e con barreiras.

Os manifestantes lanzaron pedras, prenderon lume ao mobilizario urbano e increparon a simpatizantes de Vox con berros de "fascistas" e "asasinos".

Os antidisturbios cargaron contra os manifestantes en varias ocasións, mentres se dispersaban polas rúas contiguas.

Houbo sete detidos e unha vintena máis foron identificados. Os enfrontamentos deixaron cinco persoas feridas, catro delas de carácter leve.
 

Noticias web

30/03/2019