CRTVG

Buscar

As procesións da Semana Santa de Lugo pódense ver a través das redes sociais

Publicado o 10/04/2020 20:31

Estas imaxes correspondentes á Semana Santa de Lugo non se puideron repetir este ano debido á alarma sanitaria. Como ocorre con outras celebracións propias destas datas, a xunta de confrarías luguesa optou por adaptarse á situación de confinamento e retransmitir, a través das redes sociais, gravacións e montaxes fotográficas das diversas procesións nos días e nas horas que lles tocaría a cada unha delas.

Ramón Basanta, coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo:"A través das redes sociais, todos os días subimos fotografías dos pasos que terían que desfilar. En Lugo dende o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección todos os días hai procesións, e todos os días estamos subindo fotos cunha pequena reflexión e unhas imaxes. E despois subimos tamén un vídeo xunha montaxe de fotos doutros anos e facemos como se fose unha retransmisión na hora en que saen as procesións con anacos gravados noutros anos."

Estas retransmisións das diversas procesións da Semana Santa de Lugo compleméntanse coa emisión en directo, a través de Youtube, das misas celebradas pola diocese lucense. Dende a xunta de confrarías aseguran que os vídeos de anos anteriores están a ter boa acollida entre o público, con centos de visualizacións nas redes sociais.

Noticias web

10/04/2020