CRTVG

Buscar

As procesionarias nos piñeiros poden provocar intoxicacións en cans e cativos

Publicado o 29/03/2019 22:21

Estes días pódense ver os piñeiros, sobre todo no sur de Galicia, cubertos por unha especie de bolsas brancas. Son os niños da procesionaria, un insecto autóctono que, se é moi abondoso, pode causar a morte das coníferas en que aniña. Ademais, as larvas poden provocar intoxicacións as persoas e os animais que se acheguen a elas.

As manchas brancas entre as follas dos piñeiros son os niños da procesionaria. No comezo da primavera proliferan por todos os piñeirais de Galicia, especialmente no sur. O inverno pouco frío favoreceu a súa crianza e por eso abunda tanto. Se ben é unha especie autóctona á que estamos afeitos, pode causar problemas porque as súas larvas desprenden filamentos urticantes que poden causar intoxicacións os cativos e os animais que se acheguen a elas. En Lugo xa houbo casos de cans que resultaron afectados e os expertos recomendan retirar os niños que se atopen preto de colexios ou de parques infantís.

As larvas desprenden unha especie de púas como mecanismo defensivo e poden provocar picazón ou inflamacións nas partes do corpo coas que contactan.

Ademais, un exceso de niños na mesma árbore pode provocar a súa morte. Non pola súa presenza senón porque deixan as polas sen follas, que son o mecanismo de defensa das plantas. A procesionaria ataca sobre todo o piñeiro da caste radiata pero tamén a outras variedades e mesmo a árbores non coníferas.






 

Noticias web

29/03/2019