CRTVG

Buscar

As plantacións das hortas van con atraso pola crise do coronavirus

Publicado o 27/04/2020 14:23

Nesta horta de Castro de Rei están a poñer os pementos que, en condicións normais, xa deberan estar sementados hai dúas semanas. Porén, a situación de confinamento e o medo dos veciños ao coronavirus fixo que os traballos nas leiras estean atrasados. O ano pasado por estas datas xa se estaban empezando a aplicar os tratamentos fitosanitarios para protexer e fertilizar os cultivos. En cambio, a día de hoxe aínda se venderon poucos produtos dese tipo.

"Insecticidas ou herbicidas de pataca empézanse a vender agora. Outros anos xa levabamos moitas caixas vendidas. Nesta fin de semana foi cando empezou a moverse algo o mercado".

O certo é que o tempo no final do inverno e no que vai de primavera foi moi favorable. Temperaturas non moi baixas, chuvia regular e ausencia de xeadas crearon unha situación ideal para a sementeira que, por causa do virus, non puido ser aproveitada. Aínda así, o que agora se semente terá tempo de medrar de xeito normal, polo que as hortas deberan estar a pleno rendemento, se ben cunha leve demora. O principal problema son as leiras que se atopan lonxe das vivendas e onde no se puido traballar.

"Polo de agora non imos tarde. Parece que pode haber unha colleita aceptable. Aínda que chova estes días, estamos a tempo de que vaia ben a cousa".

En canto á herba e o millo forraxeiro, algúns gandeiros xa están a traballar as leiras, mentres que outros agardan a que se aclare un pouco máis a situación derivada do coronavirus.

Noticias web

27/04/2020