CRTVG

Buscar

As pegadas de ADN acurralan o acusado do crime de Ana Enjamio

Publicado o 13/12/2019 13:13

O próximo martes retomarase o xuízo polo crime machista de Ana Enjamio e o mércores o xurado popular podería comezar a deliberar o veredicto dun caso que conmocionou a sociedade en decembro de hai tres anos.

Nas catro xornadas que xa se celebraron da vista, o acusado declarouse inocente e os forenses confirmaron restos do seu ADN na roupa de Ana, que recibiu 28 coiteladas nun ataque mortal. Ademais prestaron declaración familiares e compañeiros de traballo da vítima e do acusado e os policías que participaron na investigación.

O luns comezaba en Vigo o xuízo polo crime machista de Ana Enjamio despois de ser suspendido en novembro por problemas formais na convocatoria do xurado popular. Unha vez elixidos os membros, a vista comezaba co testemuño do acusado. César Adrio declarouse inocente e impactado pola morte da moza coa que admitiu manter unha relación clandestina e intermitente. 

Describiuna como unha "cabeciña tola" sen reparos en mentir e preocupada pola súa reputación. Respecto á noite do crime asegurou que non pisou o domicilio da vítima e que despois da cea de empresa marchou á casa dos seus pais. Admitiu que a roupa que entregou á policía non era a que levaba posta esa noite e que o seu intento de suicidio respondía á imposibilidade de soportar a falta de Ana.

Na segunda xornada, o xurado escoitou o testemuño de Samuel, ex-mozo da vítima co que retomara a relación no momento dos feitos, de amigas e compañeiras de traballo. Todos coincidiron en que Ana sentía moita presión porque Adrio non aceptaba que quixese deixar a relación e relataron diferentes episodios en que o acusado a seguiu e se presentou por sorpresa e con actitude ameazante na súa casa ou diante do seu coche, facendo que sentise medo físico. Samuel tamén manifestou que o acusado lle enviaba fotografías comprometedoras para poñelo a mal con Ana e dixo que sospeitaba que Adrio controlaba todos os movementos da moza a través do telefono móbil.

A nai e o irmán de Ana Enjamio, que estes días só abandonaron a sala durante a declaración dos forenses ante a dureza dos seus informes, tamén declararon na vista. Os dous explicaron, como tamén o fixo o pai da vítima, que descoñecían a relación que mantiña con César Adrio. A nai de Ana dixo que meses antes da súa morte a notara moi nerviosa e agoniada.

Moi relevante foi, nesta xornada, a declaración dos amigos e compañeiros de traballo do acusado. Describiron a César como obsesionado con Ana e un deles admitiu que lle explicara como instalar unha aplicación no teléfono para saber se a moza falaba con Samuel por WhatsApp.

Unha das principais revelacións da vista produciuse onte, cando os médicos forenses confirmaron que na roupa da moza asasinada só apareceron restos do ADN de dúas persoas, dela mesma e do acusado. Tamén explicaron que Ana Enjamio morreu polas coiteladas que lle atravesaron o corazón, que tentou defenderse e que lle taponaron as vías respiratorias para impedirlle pedir auxilio. A arma do crime, que nunca chegou a aparecer, puido ser un coitelo de cociña. A Policía Científica tamén confirmou no xuízo a aparición de restos de sangue de Ana Enjamio no vehículo do acusado. O próximo martes retomarase a vista.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2019