CRTVG

Buscar

As obras do AVE entre Pedralba a Ourense non rematarán antes do verán

Publicado o 09/12/2019 15:15

Logo de moitos anos esperando a chegada do AVE, prevista para o último trimestre de 2019, Galicia segue sen prazos concretos. Os constantes atrasos son a causa desta situación. No caso do penúltimo tramo entre Zamora e Pedralba, actualmente en fase de probas, os atrasos superan os catro meses e non estará en servizo ata a primavera.

Os 120 quilómetros de Pedralba a Ourense, o que sería o último tramo, non estarán listos polo menos ata que finalice o verán e as probas técnicas terán que adiarse ata o outono. Con máis de catro mil millóns de euros investidos a chegada do AVE segue a ser unha incógnita tras dezaoito anos de obras.

Gonzalo Caballero asegura que o goberno Sánchez está facendo o máximo para a posta en servizo do AVE e culpa o executivo de Rajoy de eventuais atrasos. 

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG: "Non hai nin un só minuto de posible atraso na chegada do AVE que poida ser atribuído á xestión do goberno socialista presidido por Pedro Sánchez. Todo o investimento necesario, toda a celeridade necesaria. Todo o que se puido e se pode facer estase facendo ao máximo".

Reacción tamén da conselleira de Infraestruturas ao atraso das obras do AVE. Ethel Vázquez acusa o Goberno de Sánchez de agochar as dilacións e insta o ministro José Luis Ábalos a que explique o porqué.

Noticias web

09/12/2019