CRTVG

Buscar

As obras da intermodal de Lugo comezarán en 2020 cun investimento de 31,5 millóns

Publicado o 04/03/2019 21:06

Controvertida tamén a visita do ministro de Fomento a Lugo, onde presentou o anteproxecto da estación intermodal, que suporá un investimento de máis de 30 millóns. En palabras de Ábalos, demostra o compromiso do Goberno central con Lugo. Ao acto non acudiu ninguén da Xunta nin os edís do PP no concello por entender que o acto se trataba dun mitin. O titular de Fomento negou fins electoralistas.

A estación intermodal de Lugo suporá un investimento de máis de 31 millóns de euros e afectará máis de 31.000 metros cadrados. Todo para xuntar o tren e o autobús nun mesmo lugar. Será nos terreos onde está a actual estación de ferrocarril. En palabras do ministro de Fomento, a infraestrutura permitirá mellorar a mobilidade dos lugueses co resto de Galicia e tamén dentro da cidade.

A presentación do anteproxecto non estivo exenta de polémica. Non estivo o grupo municipal do PP nin tampouco houbo representación da Xunta por entender que o acto eraun mitin do Partido Socialista. O ministro de Fomento nega fins electorais.

O ministro de Fomento avanzou novidades sobre o concurso de solucións innovadoras para acabar co problema da néboa no alto do Fiouco, na A-8. Ábalos anunciou que este mes se formalizará o contrato para despois comezar a experimentar cos prototipos a escala real. Mentres, dixo, as balizas que se activan co paso dos coches estenderanse a todo o treito de 5 quilómetros afectado polas néboas mestas.





 

Noticias web

04/03/2019