CRTVG

Buscar

As monxas clarisas de Monforte elaboran centos de máscaras para os sanitarios

Publicado o 14/04/2020 14:25

Neste convento de Santa Clara, no centro histórico de Monforte, conviven nove monxas de clausura. Estas mulleres, que de forma voluntaria adoptaron o confinamento como forma de vida, dedícanse habitualmente á repostería, pero nos últimos tempos decidiron substituír a elaboración artesanal de doces pola de máscaras. Unha veciña proporciónalles o material necesario para as proteccións, que confeccionan de xeito altruísta coa axuda dunha máquina de coser.

Sor María Jesús, monxa clarisa: "Hai uns días, o padre José Luis, capelán do hospital de Monforte, veunos pedir se lle botabamos unha man para confeccionar máscaras, e niso estamos, aínda que hoxe estou eu soa. Ademais de confeccionar máscaras, o noso quefacer diario consiste tamén en rezar polos enfermos, polo persoal sanitario, polas forzas de seguridade, polas familias e por todos os que están a sufrir as consecuencias desta pandemia".

Coas mesmas mans con que elaboran os doces ou os licores, as monxas clarisas xa confeccionaron centos de máscaras, que na súa maior parte son enviadas ao hospital comarcal de Monforte para seren usadas por parte do persoal sanitario. Ademais, algúns lotes foron remitidos á parroquia monfortina da Estación para os veciños que precisen facer uso deste material, en especial os traballadores máis expostos.

Noticias web

14/04/2020