CRTVG

Buscar

As mariscadoras da Arousa volven ao traballo

Publicado o 27/04/2020 18:28

Levaban seis semanas desexando volver poñer a roupa de traballo. E este luns, por fin, as mariscadoras da Arousa volveron á area. Luns e martes traballan elas. Mércores e xoves é a quenda dos homes. Incorpóranse de xeito gradual. Veñen con máscara para protexerse contra o coronavirus. E tamén coa intención de manter a distancia de seguridade

Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa e presidente da Asociación de Rañeiros da Ría de Arousa, di que "cerca de 800 persoas nunha lonxa sería inviable para manter as distancias de seguridade. Así, desta maneira, garantimos a seguridade entre as persoas e, ao mesmo tempo, imos colocando no mercado marisco para ver como reacciona ante a oferta da ameixa xaponesa, porque das outras especies de momento non hai pedido delas".

Cada confraría marca os topes de captura. Estes días queren ver, sobre todo, como responde o mercado. Porque cos restaurantes pechados, a demanda de marisco tamén cae.

"Os pedidos que hai non son moi grandes. Son para as grandes superficies, pedidos pequenos que se poden atender co marisco que temos aquí, alternando traballo a pé e en embarcación polo menos para garantir un soldo mínimo á xente e lle dea para pagar a Seguridade Social, a luz, o teléfono e para facer a cesta da compra cotiá. É fundamental porque mariscadoras e mariscadores vivimos ao día", engade Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa e presidente da Asociación de Rañeiros da Ría de Arousa.

O mércores volverán á ría os mariscadores en embarcación. Son un total de 380 embarcacións.

Noticias web

27/04/2020