CRTVG

Buscar

As infantas admiten que se vacinaron para obter un "pasaporte sanitario"

Publicado o 03/03/2021 16:18
As infantas admiten que se vacinaron para obter un "pasaporte sanitario"

As infantas Elena e Cristina aseguran nun comunicado que se inmunizaron en Abu Dhabi co obxectivo de "ter un pasaporte sanitario" que lles permita visitar o seu pai de xeito regular. No texto, remitido aos medios de comunicación, subliñan que se lles ofreceu esa posibilidade.

"De non ser por esta circunstancia", engaden, "accederiamos á quenda de vacinación en España, cando nos correspondese". Deste xeito, as fillas do Emérito tentan pechar calquera especulación sobre o asunto.

A Casa Real desvinculouse este martes da inmunización contra a covid-19 das infantas. Segundo indicaron fontes de Zarzuela, os reis Filipe e Letizia e as súas fillas, Leonor e Sofía, vacinaranse cando lles corresponda.

Vacinadas en febreiro

As fillas de Xoán Carlos I recibiron durante a segunda semana de febreiro a vacina contra a covid-19 mentres visitaban o seu pai en Abu Dhabi. Segundo adiantou El Confidencial, tamén foron vacinados nos Emiratos Árabes o propio rei emérito e o exdirector do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) Félix Sanz Roldán. 

Xoán Carlos I atópase en Abu Dhabi desde o mes de agosto. Alí viaxou despois de facerse pública a decisión de trasladar a súa residencia fóra de España. O pai de Filipe VI explicou entón que deixaba España "ante a repercusión pública que están a xerar certos acontecementos pasados" da súa vida privada e para facilitarlle ao seu fillo o labor como xefe do Estado.

Noticias web

03/03/2021