CRTVG

Buscar

As gasolineiras traballan arreo mantendo os protocolos de prevención de contaxios

Publicado o 20/03/2020 13:52

Entre os profesionais que teñen que seguir desempeñando cada día o seu posto de traballo están os das gasolineiras. Esta mañá visitamos unha en Santiago en que nos din que puxeron en marcha anticipadamente un protocolo de prevención de contaxios.

É un dos dos colectivos que seguen a pé de obra e que co seu traballo axudan a que o país manteña outras actividades tan relevantes como o transporte e todo o que significa. Pero a pandemia do coronavirus tamén cambiou a vida do nas estacións de servizo. Como persoal en contacto co público, non deben descoidar un instante a prevención do contaxio. "Protexémonos para protexerte", din aquí.

Pablo Val, director de operacións de Staroil: "Cada un dos meus traballadores, temos máis de cen en toda España, está plenamente convencido de que o seu traballo está axudando a que todo isto pase o antes posible. Cando nos empezamos a poñer máscaras o 10 ou 11 deste mes a xente ría de nós e preguntaba por que levabamos máscara, luvas e gafas de seguridade".

O protocolo aplicado inclúe máis medidas de prevención coa perspectiva de manter o negocio aberto.

O director afirma que o transporte profesional está a manter as vendas, pero a medida que vaian pechando fábricas polos contaxios, caerá a facturación. Aínda así, e a pesar de estar nun polígono empresarial, asegura que van manter os empregados que teñen.

Pablo Val, director de operacións de Staroil: "Non imos facer ningún ERTE nin ERE nin nada parecido. Os meus traballadores van cobrar o que teñen que cobrar mentres dure isto, medio mes, un mes ou o que teña que durar. Nos o que fixemos foi aplicar a táctica militar; crear grupos de traballo para que entre os compañeiros non coincidan. De xeito que se nun grupo hai un contaxiado, deixamos ese grupo en corentena, fóra".

No seu equipamento de protección individual ante o coronavirus estes traballadores estrearon hoxe máscaras de tea feitas en Galicia.

Noticias web

20/03/2020