CRTVG

Buscar

As ganderías leiteiras toman medidas para evitar contaxios

Publicado o 18/03/2020 15:20

Nesta granxa de Baralla teñen que romper o confinamento para poder traballar. As súas vacas en pastoreo saen todos os días ao prado e hai que acompañalas. Para previr posibles contaxios do coronavirus, modificaron as quendas de traballo e reduciron o contacto con provedores e clientes, ademais de desinfectar a fondo todas as instalacións. Tamén son conscientes de que o seu labor é agora máis necesario que nunca ante a demanda de alimentos que se disparou nos últimos días.

"O que fixemos foi reducir as quendas de traballo e modificalas para ter o mínimo contacto entre nós".

En poucos días vai comezar a campaña de recollida da herba para ensilar, un dos momentos de máis traballo nas explotacións. A contratación de empresas externas para a ensila é habitual, polo que as organizacións agrarias piden que se extremen as precaucións. Polo de agora a produción de leite non se viu alterada en Galicia e as granxas están a funcionar con normalidade. Os gandeiros lembran tamén que o leite e os seus derivados son dos produtos cunha rastrexabilidade máis garantida e piden que se teña en conta o seu esforzo sempre e non só en momentos de crise coma este.

"Agora temos unha responsabilidade importante porque temos que garantir que cheguen á cidade todos os alimentos que producimos".

En Galicia hai arredor de 7.000 explotacións gandeiras das que sae case o 50% do leite que se produce en España polo que o feito de que continúen co seu gtraballo é fundamental non só para Galicia senón para todo o estado.

Noticias web

18/03/2020