CRTVG

Buscar

As florerías prevén salvar coa venda a domicilio a campaña do Día da Nai

Publicado o 01/05/2020 14:11

As florerías prevén salvar a campaña do Día da Nai coa venda a domicilio que por mor do confinamento rexistrou un importante aumento da demanda.

Outra novidade desta campaña é que as flores veñen maioritariamente de produtores do país, pero o que non mudan son os gustos. 

As florerías fíano toda á venda a domicilio para tratar de salvar unha das campañas máis importantes para o sector, a do Día da Nai.

Sabedores de que non poderán repetir a facturación dun ano normal, agardan que as vendas supoñan un respiro despois de perder outra campaña importante, a do Día do Pai."Pedimos o xusto para pasar estas datas, non queriamos que nos quedara moita mercadoría porque non sabemos como vai seguir isto para diante".O confinamento polo coronavirus chegou no peor momento para este sector, xa que coincidiu cos meses de maior actividade.

As limitacións impostas polo estado de alarma impediron tamén que chegasen flores de fóra, polo que houbo que acudir aos provedores locais."Non había todo o que queriamos, uns verdes que nos faltaban, e tivemos que amañarnos co material que hai por aquí".O que non mudan dun ano para outro son os gustos dos clientes."Case todos son ramos de rosas, algúns piden plantas, orquídeas, algún anturio, pero case todo son ramos de rosas".Todo o esforzo do sector vai encamiñado a un único obxectivo, que este domingo ningunha nai quede sen agasallo.

Noticias web

01/05/2020