CRTVG

Buscar

As farmacias teñen problemas para subministrar uns 500 medicamentos

Publicado o 18/03/2019 21:21

As farmacias teñen problemas para subministrar uns 500 medicamentos, a maioría son de uso moi común. En moitos casos, hai outra medicina igual que o pode substituír, pero noutras ocasións, cómpre ir ao médico para que reaxuste a medicación con outros fármacos similares. Sobre a causa do desabastecemento, hai quen apunta ao brexit e hai quen sinala o baixo prezo dos medicamentos en España.

A lista de medicamentos que faltan nas farmacias non para de medrar desde o verán. Na última semana, a Axencia Española do Medicamentos di que son case 500 fármacos os que teñen problemas de subministración. Algúns dos que faltan son dos máis consumidos como Dalsy, ácido acetilsalicilico, Trankimazín, Almax, ou Adiro. Nalgúns casos pódese substituír por outro medicamento co mesmo principio activo pero noutros, a solución é máis complexa.

María José García Gómez, presidenta da Federación Galega de Farmacias: "Teñen que volver ao médico, o médico cambiarlle e axustarlle a medicación con outros medicamentos similares porque non existe o mesmo medicamento co mesmo principio activo no mercado. É un grande inconveniente".

Hai quen explica esta falta de medicamentos en que o Reino Unido está facendo acopio antes da súa saída da Unión Europea para evitar que os prezos se disparen. Pero desde as farmacias galegas, apuntan outro factor como causa principal do desabastecemento que sofren.

María José García Gómez, presidenta da Federación Galega de Farmacias: "A causa fundamental e principal é o baixo prezo dos medicamentos en España iso fai que aos laboratorios non lles compense vender a eses prezos e están abastecendo outros mercados europeos e incluso americanos, onde o prezo dos medicamentos é moi superior ao español. O brexit está aí, pero a xente ía buscar o Adiro a Portugal, en Portugal había Adiro e aquí non. O brexit afectaría o mesmo para Portugal".

A lista dos fármacos con problemas de subministración pódese consultar na páxina web da Axencia Española do Medicamento.






 

Noticias web

18/03/2019