CRTVG

Buscar

As exportacións galegas afúndense máis dun 56 % en abril

Publicado o 19/06/2020 11:26

• O saldo negativo da balanza comercial é de 24,4 millóns 

As exportacións galegas afúndense máis dun 56 % en abril

A situación xerada na economía mundial pola pandemia da Covid-19 afectou de forma excepcional o comercio exterior de Galicia o pasado mes de abril, cun retroceso do 56,2 % interanual no fluxo exportador e do 48,1 % nas importacións.

Segundo os datos publicados pola Dirección Territorial de Comercio do ICEX en Galicia, no mes de abril exportáronse bens por un valor de 772,5 millóns de euros e importáronse por un valor de 796,9 millóns de euros, o que sitúa á comunidade autónoma cun saldo deficitario de 24,4 millóns de euros e supón un retroceso excepcional respecto ao superávit rexistrado polo seu comercio exterior un ano antes (226,5 millóns de euros).

A evolución negativa indicada da exportación de Galicia no mes de abril débese especialmente ao  fortísimo decrecemento rexistrado polas exportacións de Pontevedra e da Coruña (con taxas decrecentes interanuais do 59,2 % e 57,8 %, respectivamente), sendo tamén excepcional en termos relativos o descenso (do 57,5 %) das exportacións de Ourense. En cambio, as exportacións de Lugo caeron lixeiramente (o 0,9 %).

No caso das importacións, afectou as catro provincias, pero especialmente a Pontevedra (cunha baixada do 59,6 %) e á Coruña (cunha taxa decrecente interanual do 33,6 %). Ourense e Lugo, aínda que con descensos moi acusados en termos relativos (do 53,6 % e do 34,3 %, respectivamente), tiveron unha incidencia máis limitada.

Por sectores, o peso da exportación galega no mes de abril foi o seguinte: alimentación (29,7 %, con gran importancia do subsector de produtos pesqueiros, máis de 21 puntos);  semimanufacturas (23,7 %, principalmente do subsector metálico e do subsector químico); manufacturas de consumo (14,5 %, destacando o subsector téxtil-confección, con máis de 12 puntos); bens de equipo (10,4 %, con mínima achega, de 0,7 puntos, o material e equipos de transporte por estrada e marítimo); produtos enerxéticos (8,0 %, na súa totalidade petróleo e derivados); materias primas (7,5 %, máis de orixe vexetal e animal que mineral); sector do automóbil (4,7 %); e bens de consumo duradeiro (0,3 %, na súa maioría mobles).

A Unión Europea mantense como destino de referencia das exportacións galegas (ao concentrar o 69,3 % da exportación realizada no mes de abril do 2020). Dentro da UE, os principais mercados foron: Portugal (16,2 % do total da exportación de Galicia), Francia (14,4 %), Italia (8,4 %), Polonia (7,8 %), Países Baixos (7,7 %), Reino Unido (5,4 %), Alemaña (4,1 %), Bélxica (3,8 %), Suecia (0,8 %) e Finlandia (0,7 %).

Fóra da UE, destacan como os destinos máis significativos: os Estados Unidos (3,4 %, noveno destino das exportacións galegas), Turquía (2,0 %), a China (1,9 %), Noruega (1,8 %), Singapur (1,4 %), Marrocos (1,0 %), Corea do Sur (0,9 %), México (0,8 %) e Alxeria (0,7 %).

Destaca na análise evolutiva que a exportación galega con destino á UE decreceu excepcionalmente no mes de abril (con taxa decrecente interanual do 56,8 %), mentres que na Europa non comunitaria sobresae o feito de que, aínda que en conxunto a exportación galega decreceu en abril o 52,9 %, cara a Noruega aumentou extraordinariamente (34,4 %).

No resto do mundo tamén decreceu a exportación ata taxas excepcionais: en África un 64,4 % (inducida especialmente polo retroceso do 88,7 % en Marrocos, e non compensada cos altos incrementos en Exipto, Nixeria e Alxeria); en Oceanía, do 62,1 %, e en América, un 59,2 % (impulsada en maior medida por Iberoamérica, cun descenso do 68,9 %, que por América do Norte, con descenso do 48,9 %).

En Asia a caída das vendas foi do 44,6 % (con descensos acusados na gran maioría de mercados, salvo en Singapur, con aumento do 250,4 %; particularmente, na China, o principal mercado da exportación galega en Asia, a exportación sufriu un retroceso do 45,7 % no mes analizado).