CRTVG

Buscar

As cúpulas de PP, C's e Vox intentaron evitar o fracaso da investidura en Murcia

Publicado o 05/07/2019 20:37

As direccións de Vox, Ciudadanos e o PP intentaron ata o último momento salvar a investidura de Murcia. Desde a formación de Abascal revelaron que mantiveron unha reunión con Pablo Casado e tamén con José Manuel Villegas. A portavoz de Ciudadanos no Congreso confirmou os contactos. Pero Inés Arrimadas insiste en que eles só firman acordos de goberno co PP. "A dirección nacional do partido ten uns criterios. Estamos negociando bos gobernos co PP e pedímoslle a Vox que se deixe de perrenchas, que se deixe de bloqueos e que deixe de facerlle o xogo a Podemos e a PSOE"

Na Comunidade de Madrid os tres partidos tampouco teñen acordo. Sobre a posibilidade de que ocorra o mesmo que en Murcia, a portavoz de Vox non quixo pronunciarse só dixo que teñen a man tendida. "En Madrid estamos coa man tendida para chegar a un acordo que é o que lles interesa aos madrileños".

Pero o portavoz de Ciudadanos en Madrid mantén a negativa a firmar un acordo co partido de Abascal. "Tanto Ciudadanos como Vox son unhas formacións políticas altamente inestables no sentido de que non sabemos moi ben  o camiño que van coller ningunha delas".

 

Se ningún candidato consegue os apoios necesarios, habería que repetir as eleccións. Teñen dous meses a contar desde a data da investidura, para logralo. En Murcía disolverían a asemblea o 2 de setembro e en Madrid o dez do mesmo mes.

Noticias web

05/07/2019