CRTVG

Buscar

As comunidades autónomas que estean na fase 1 poden eliminar as franxas horarias dos paseos

Publicado o 11/05/2020 21:55

Os Goberno autonómicos cuxos territorios estean na fase 1 poden eliminar as franxas horarias para os paseos de nenos, adultos e maiores. Así o acordaron o ministro de Sanidade e máis os conselleiros do ramo na interterritorial de Sanidade. Nesa reunión, a Comunidade de Madrid pediu o cambio de fase. O Goberno autonómico alega que cumpren os requisitos.

"No peor xa se puido; agora nunca imos estar igual. Entón, si que creo que Madrid cumpre. Outra cousa é que temos que ir con cabeza porque non podemos permitirnos pasos atrás", di Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid.

A Comunidade Valenciana insiste tamén en que cumpre os criterios, pero non vai pedir o pase á fase 1 dos territorios que quedaron fóra ata que o Goberno central non lles aclare que parámetros lles faltan.

"Agardamos que se nos diga por escrito o que non se fixo adecuadamente e qué temos que facer para non volver caer en contradiccións que son absurdas e non teñen sentido", afirma Ximo Puig, presidente da Generalitat valenciana.

En Andalucía, todas as provincias, agás Granada e Málaga, cambiaron de fase. O presidente da Junta defende que estas dúas provincias estaban tan preparadas coma outras do resto de España que si pasaron. E volve pedir o pase de fase. Moreno di que lle preocupa que non haxa un criterio común para todo o país.

"Esa falta de obxectividade, esa falta de transparencia. A min o que me preocupa é que non hai un criterio establecido común para todo o territorio español", di Juan Manuel Moreno, presidente da Junta de Andalucía.

 

Noticias web

11/05/2020