CRTVG

Buscar

As comunidades endurecen as restricións ante o aumento de contaxios

Publicado o 28/10/2020 08:14

España sumou nas últimas horas máis de 18.000 contaxios e 267 falecementos, a maior cifra de mortes nun día desta segunda vaga. Goberno e comunidades autónomas analizan esta tarde a evolución da pandemia no Consello Interterritorial de Saúde. Os gobernos autonómicos endurecen as restricións e cada vez son máis os que optan polo peche perimetral. 

Con 4.400 novos contaxios e 25 mortos, Cataluña está achegándose a unha situación crítica. Para evitar un confinamento total coma en marzo, a Generalitat está estudando a posibilidade dun confinamento domiciliario durante as fins de semana.

A Comunidade de Madrid, que sumou algo máis de 2.100 casos, estuda o peche do territorio durante a ponte de santos. A presidenta Isabel Díaz Ayuso reunirase hoxe en Ávila cos presidentes das dúas Castelas para decidir se pecha a comunidade. O presidente de Castela A Mancha aposta por confinar desde mañá e durante 14 días as tres rexións.

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid: "A decisión é tan difícil que a ninguén vai contentar. O meu compromiso é tomar a menos mala".

O seu vicepresidente Ignacio Aguado é partidario de prohibir as entradas e saídas só nas pontes festivas e non 15 días seguidos.

En Andalucía, que rexistrou 2.900 positivos, empeora a situación. O Goberno autonómico vai decidir hoxe novas restricións e non descarta o confinamento perimetral, que xa está operativo en Granada e a súa área metropolitana. Esta mesma medida segue establecida en Aragón, Asturias e Navarra.

En Euskadi, continúa o peche en todo o territorio, non se pode saír dos municipios de residencia. Pero o Executivo vasco advirte: se a cousa segue empeorando, non desbota medidas máis drásticas, coma o confinamento domiciliario.

Noticias web

28/10/2020