CRTVG

Buscar

As chuvias prolongadas en momentos clave e as pragas van provocar unha redución da colleita de mel

Publicado o 11/09/2020 19:44

Períodos de chuvia intensa e demasiado prolongados na primavera e o verán. Esa foi a clave para que poucas colmeas cheguen este ano aos 20 litros de mel que se consideran óptimos. Malia que os apicultores non deixaron de traballar pola pandemia, o clima non axudou e non se van recoller as 659 toneladas certificadas por Mel de Galicia o pasado ano.

Pablo Piñeiro. Asociación Lucense de Apicultura"Periodos moi longos ou de moita auga ou de moita seca. Eso fai que non se poidan aproveitar as floracións e as colmeas paran de criar."

A seca de xullo e agosto tamén perxudicou a floración de especies como o castiñeiro e a silva, o que tamén frea a produción. Tan só os meles de base de eucalipto, situados sobre todo na costa, tiveron as condicións axeitadas pero nese caso víronse afectados polos ataques da velutina. Con todo, os apicultores sinalan que o sector ten un enorme potencial de expansión pola flora de Galicia e sobre todo pola calidade do mel.

"Pode gustar máis un mel ou outro polo sabor e o color. Pero a calidade do mel galego é indiscutible."

Na IXP Mel de Galicia hai inscritos 300 apicultores que traballan unhas 50.000 colmeas. Pero fora da IXP hai cada vez máis produtores que traballan para autoconsumo ou vendas a pequena escala.

Noticias web

11/09/2020