CRTVG

Buscar

As carpas substituirán as casetas do polbo no San Froilán

Publicado o 05/06/2020 21:22

As festas do San Froilán, aló polo mes de outubro, vanse celebrar. Pero serán moi diferentes do que viñan sendo. Non haberá grandes concertos e mesmo poderían substituírse as tradicionais casetas do polbo por carpas abertas, como nas feiras. A comisión de festas aposta por actos pequenos en todos os barrios para crear ambiente festivo, pero antepoñendo sempre a seguridade fronte ao coronavirus.

Encher os barrios de música e elementos artísticos, recuperar o ambiente rural e deseñar novos eventos que poidan celebrarse sen riscos sanitarios. Son algunhas das ideas propostas hoxe na primeira xuntanza da comisión de festas do San Froilán cos colectivos da cidade de Lugo. As celebracións van ter lugar, pero antepoñendo sempre os criterios de protección fronte ao coronavirus.

"Se non se pode facer un San Froilán masivo, buscaremos algo alternativo sen perder a esencia."

A dúbida está nas tradicionais casetas do polbo. Se as normas sanitarias fan que sexan inviables economicamente ao reducir a ocupación, barállase a posibilidade de convertelas en carpas abertas igual que se fai nas feiras.

"O problema sería que nos mandasen pechar na metade. Hai que pensalo moito e ver se o Concello apoia ou non."

En principio as barracas estarán presentes no San Froilán, pero desbótase que vaia haber concertos multitudinarios. En resumo, botarlle imaxinación para unhas festas adaptadas á pandemia.

Noticias web

05/06/2020