CRTVG

Buscar

As beiras do Douro, en risco de asolagamento

Publicado o 23/12/2019 14:56

Os temporais deixaron un regueiro de incidentes en toda a Península. Na conca do Douro hai ducias de tramos en alerta, entre eles o Pisuerga ao seu paso por Valladolid, onde o leito segue rebordado, aínda que o o nivel da auga tende a descender. Nas illas Baleares continúa o vento.

A forte chuvia da última semana deixa ríos rebordados e con perigo de asolagamento. Na conca co Douro hai numerosos tramos en situación de alerta, e nalgúns, como o de Toro, en Zamora, a previsión é de que aumente o caudal.

O Pisuerga ía esta mañá fóra do leito ao seu paso por Valladolid, pero o caudal descende a medida que pasan as horas. Mentres onte chegou a superar os 1.200 metros cúbicos de auga por segundo, a mediodía de hoxe apenas sobrepasaba os mil.

Aínda así, a zona segue en alerta, igual que outros dez tramos do río, segundo informou a Confederación Hidrografica do Douro.

Nas illas Baleares o problema continúa a ser o vento, que onte superou os 160 quilómetros por hora e deixou máis dun cento de incidencias en Mallorca e Menorca. Aínda que tende a amainar, esta mañá sopraba con forza no norte do arquipélago.

 

Noticias web

23/12/2019