CRTVG

Buscar

As bases de Bildu avalan o si aos orzamentos do Estado cun apoio do 91,5 %

Publicado o 26/11/2020 20:49
As bases de Bildu avalan o si aos orzamentos do Estado cun apoio do 91,5 %

As bases de EH Bildu referendaron este xoves a proposta da dirección de votar "si" aos Orzamentos Xerais do Estado co apoio do 91,5 % dos militantes, polo que a esquerda abertzale apoiará por primeira vez na súa historia un proxecto de contas públicas de España. A formación que lidera Arnaldo Otegi celebrou esta tarde unha asemblea nacional extraordinaria en que os seus militantes debían responder á pregunta de se estaban de acordo co apoio ao proxecto de orzamentos do Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos.

Á pregunta "Estás de acordo con que os cinco deputados de EH Bildu no Congreso dos Deputados do Estado español voten afirmativamente aos PXE do Goberno PSOE-Podemos?", o 91,5 % das bases da coalición respondeu afirmativamente, mentres que o 5,6 % rexeitou a proposta da dirección e o 2,9 % votou en branco. En total, participaron na votación 1.588 rexistrados.

A asemblea confirmou, desta maneira, o histórico xiro da esquerda abertzale, que nunca antes prestou o seu apoio expreso á aprobación duns orzamentos do goberno español. Fontes de EH Bildu destacaron, tras a asemblea, que o amplo aval outorgado polas bases á proposta da Mesa Política reflicte a súa vontade de "ser axentes proactivos, de buscar alianzas que teñan como obxectivo ampliar e blindar os dereitos das persoas e poñer freo ás dereitas e ás súas políticas retrógradas".

Nesta decisión pesou, segundo explicou EH Bildu á súa militancia no escrito en que argumentaba a súa proposta, o seu afán de "manter aberta a xanela de oportunidade" que ao seu xuízo se creou tras a moción de censura contra Mariano Rajoy e coa conformación dun goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos.

Ademais, EH Bildu observa "tímidos avances" do Executivo en materias como a política social, a resolución dos "conflitos territoriais" e a modificación da política penal, os tres eixos que, segundo a formación de Otegi, condicionarán a súa posición respecto ao actual goberno.

Este mesmo xoves, a formación abertzale logrou a aprobación de emendas ao proxecto, que supuxeron, segundo afirmou a coalición, destinar 67 millóns de euros a "salvar" o sector aeronáutico vasco e "modernizar" infraestruturas ferroviarias de Euskadi. A forza soberanista valorou ademais que o Executivo de Pedro Sánchez "asuma finalmente a paralización de todos os desafiuzamentos durante a pandemia, grazas ao empuxe de EH Bildu, ERC e Unidas Podemos".

Noticias web

26/11/2020