CRTVG

Buscar

As ameixeiras do Faramello, en flor

Publicado o 03/03/2020 15:09

Un anaco do Xapón en Galicia

A ameixeira xaponesa florece no inverno, ás veces mesmo rodeada de neve. Por iso para os nipóns esta flor é símbolo de fortaleza fronte á adversidade. A súa chegada anuncia a primavera e anticipa outra floración, a das cerdeiras, que atrae cada ano milleiros de turistas de todo o mundo.

"A floración foi estupenda, temperá, pero moi bonita. Ainda quedan un par se semanas de floración, está sendo este ano máis longa", di Gonzalo Rivero de Aguilar.

As ameixeiras xaponesas son tamén estes días o gran reclamo turístico dun pazo galego. Un lugar ao que a xente vén buscando flores e onde acaba descubrindo un mundo de historias.

"Foi a primeira fábrica de papel de Galicia e unha das primeiras imprentas onde se imprimiu en galego. Tivo un papel importante na loita contra a invasión francesa. E na fábrica traballaban só mulleres, algo que non era moi normal no século XVIII, pero a fabricación de papel era algo moi artesanal que facían mellor as mulleres ca os homes", explica Gonzalo.

O señor do pazo Faramello encabezou a resistencia contra a invasión francesa. Hoxe xace na catedral e o seu herdeiro está autorizado a entrar a cabalo a visitar a súa tumba. A casa foi tamén residencia de verán do rei Alfonso XIII.

Despois de anos de crise e decadencia, o pazo rexurdiu grazas á idea do seu actual dono de abrilo a visitas turísticas. O seu gran reclamo, estas flores de ameixeira, que sendo tan fráxiles, conseguiron devolverlle á casa a súa antiga fortaleza.

Noticias web

03/03/2020