CRTVG

Buscar

As liñas aéreas piden exención de tarifas na desescalada

Publicado o 06/05/2020 14:46

A Asociación de Liñas Aéreas pide que se eliminen as tarifas aeroportuarias para poder baixar os prezos dos voos. Sería un estímulo para fomentar as viaxes cando se empece a normalizar a situación e axudar así a recuperación do sector, moi danado pola crise sanitaria.

Os aeroportos españois non van empezar a recuperar actividade antes de finais de xuño, e esta é aínda unha data incerta. Desde que comezou o estado de alarma cancelaronse arredor de 250.000 voos e as compañías están paralizadas ao 95 por cento. A Asociación de Lineas Aéreas propón que cando empece a desescalada no sector se tomen medidas especiais para favorecer a recuperación.

"Exonerar temporalmemte do pago das tarifas aeroportuarias para poder poñer prezos máis competitivos que estimulen a xente a voar", propón Javier Gándara, presidente da Asociación Española de Liñas Aéreas.

Os primeiros voos que se van reprogramar serán os nacionais. A Asociación de Liñas Aéreas lembra que as aeronaves terán que desinfectarse despois de cada viaxe e que os equipos de proteccion individual serán obrigatorios para tripulantes e pasaxeiros. Segundo di, para garantir a seguridade total haberá que extremar tamén a hixiene nos procesos anterior e posterior ao embarque.

"Deberíanse facer controis previos ao voo similares aos de seguridade, no aeroporto ou mesmo antes, de forma que se garantizase o acceso a unha zona estéril, libre de virus. Que a xente teña a confianza de volver a voar sen medo a contaxiarse", di Gándara.

Os voos co estranxeiro iranse abrindo segundo a evolución da pandemia en cada país, aínda que se prevé que primeiro serán os europeos e finalmente os de longo percorrido.

Noticias web

06/05/2020