CRTVG

Buscar

Comeza a operación saída de tráfico do verán, con máis radares e máis axentes

Publicado o 28/06/2019 14:01

Ás tres da tarde arranca a primeira operación saída de verán 2019, que rematará ás 12 da noite do 1 de xullo. No conxunto do verán do pasado ano as cifras de falecidos foron moi altas, segundo valora a Garda Civil. Un total de 21 persoas morreron nas estradas galegas, e foi Galicia a segunda comunidade con maior aumento de número de mortos nas súas vías.

"Queremos reducir as cifras cos controis que se marcarán nas estradas, incrementando os controis de drogas, alcohol e velocidade coa presenza de 800 efectivos da Garda Civil de tráfico das estradas", di o Sarxento da Garda Civil.

Para incrementar a seguridade, a Garda Civil controlará o tráfico nas vías de alta ocupación e nas estradas que se empreguen para saír dos nucleos urbanos cara ás zonas de ocio, tales como a AP-9 e as estradas secundarias. Ademais, fan fincapé na importancia de respectar os ciclistas, non empregar o teléfono móbil e non consumir drogas nin alcohol.

"Nestas épocas aumenta o número de ciclistas nas estradas e aínda non hai un respecto instaurado na xente. Tamén falamos de distraccións, a velocidade inadecuada, a distacia de seguridade...", asegura o sarxento.

Un problema que xorde recentemente son os avisos entre condutores da presenza de controis a través do teléfono móbil. Algo que provoca interferenzas no traballo da Garda Civil.

"Coas aplicacións redúcese a efectividade dos controis e fai que nos teñamos que mover máis cando está o aviso nas redes sociais. Isto é contraproducente para a seguridade viaria e para a seguridade cidadá", engade o sarxento.

A DXT aconsella revisar o estado do coche para aumentar a seguridade e controlar os tempos de condución facendo descansos cada dúas horas.