CRTVG

Buscar

Arrestado o compañeiro de instituto do menor que se suicidou en Madrid

Publicado o 05/04/2019 16:30

A policía investiga o suicidio dun mozo de 16 anos que, supostamente, sufría acoso nun instituto de Madrid. Un compañeiro da vítima está detido e baixo custodia da fiscalía de menores. Neste mesmo centro xa se suicidara outra moza por acoso no 2015.

Segundo as primeiras investigacións, o alumno arrestado levaba varios meses acosando o seu compañeiro por ser estranxeiro. O suposto acosador, detido o mércores, quedou a cargo da fiscalía de menores.

O mozo que se suicidou tiña 16 anos, cursaba cuarto da ESO e deixou escrito no seu móbil unha nota en que repasaba a súa vida. Nela non só falaba das ameazas no instituto, senón tamén dun desengano amoroso que sufriu en Galicia, onde residiu ata o mes de setembro, cando se trasladou a Madrid tras a separación dos seus pais.

Os investigadores tratan de aclarar os verdadeiros motivos desta morte, e aínda que cren que o acoso puido ser determinante, non desbotan que influísen tamén outro tipo de problemas.

É o segundo caso neste mesmo centro, localizado no barrio madrileño de Usera. No 2015, unha rapaza discapacitada, tamén de 16 anos, suicidouse tras ser acosada por outro compañeiro.

 

Noticias web

05/04/2019