CRTVG

Buscar

Unha multitude "marcha" polo clima baixo a inspiración de Greta Thunberg

Publicado o 06/12/2019 22:42

• A activista reapareceu no escenario tras abandonar a manifestación por motivos de seguridade: "O cambio vai chegar, queiran ou non"

• "Espero honestamente que esta COP deixe algo concreto"

 

Medio millón de persoas, segundo a organización, e 15.000 segundo a Policía participaron este venres en Madrid na gran marcha polo clima, capitaneados polo movemento xuvenil Fridays for Future e Mocidade polo Clima e pola súa inspiradora, a activista sueca Greta Thunberg, que tivo que abandonar a manifestación por motivos de seguridade para reaparecer ao final sobre o escenario.

En ambiente festivo, os manifestantes avanzaron pola arteria principal de Madrid encabezados por unha gran pancarta na que se podía ler en español e inglés "O mundo espertou á emerxencia climática". Noutras líanse lemas como "O planeta seguirá existindo, nós irémonos extinguindo" ou "Cambia a túa vida, non o teu clima", e escoitáronse berros como "Nin un grao máis, nin unha especie menos", "Menos emisións e máis solucións" e outros alusivos ao Cume do Clima, que cualificaban de "farsa", e noutras víanse críticas ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.

O único momento de tensión viviuse cando a moza activista sueca tentou con moitos problemas incorporarse á marcha, primeiro pola praza de Neptuno, despois polos laterais, ata que finalmente tivo que desistir por recomendación da policía e desprazarse ata os Novos Ministerios a bordo dun coche eléctrico e rodeada por un potente cordón de seguridade. A manifestación iniciou o seu percorrido na glorieta de Atocha sobre as 18:00 horas, encabezada polos mozos do movemento Fridays For Future (FFF), representantes indíxenas chilenos, sindicalistas e ecoloxistas, que atenderon os medios para subliñar o seu compromiso coa defensa do planeta.

O líder de Más País, Íñigo Errejón, urxiu a que España sexa "punteira na produción de enerxías limpas en Europa e na produción dun modelo que coide da nosa biodiversidade e desenvolva un modelo agroecolóxico". O deputado de Unidas Podemos Juantxo López de Uralde pediu gobernos "fortes e valentes", que sexan capaces de "poñer freo aos intereses corporativos", especialmente aos das empresas enerxéticas e das que se "benefician de que os combustibles fósiles nos sigan contaminando".

O secretario xeral de WWF, Juan Carlos do Olmo, subliñou que hoxe Madrid "converteuse no altofalante do planeta, cunha soa voz, para dicirlles a políticos, parlamentos, gobernos e grandes empresas que non temos máis tempo que perder, que a temperatura do planeta está xa en niveis perigosos". 

Ao longo do percorrido, dous activistas descolgaron unha pancarta na ponte de Eduardo Dato e diversos colectivos indíxenas de Chile, o Perú, Ecuador ou o Brasil protagonizaron accións reivindicativas, mentres no escenario final grupos musicais animaron o ambiente á vez que se incorporaban centenares de persoas. A marcha polo clima, convocada polas plataformas FFF, Alianza polo Clima, Alianza pola Emerxencia Climática e "2020 Rebelión polo Clima", co apoio das organizacións chilenas Cume dos Pobos, Sociedade Civil pola Acción Climática (SCAC) e Minga Indíxena, culminou dúas horas despois do seu inicio nos Novos Ministerios.

Chile foi a protagonista neste final do percorrido, onde unha activista e portavoz de FFF agradeceu a asistencia masiva á manifestación, expresou o seu apoio ao pobo de Chile e asegurou que "sen xustiza climática non hai futuro". Despois, despregouse a bandeira "Os Ollos do Mundo" con rostros de persoas de todos os países e razas para simbolizar a vixilancia á acción dos gobernos e varios colectivos amazónicos protagonizaron accións de denuncia e chamamentos á xustiza climática.

A continuación, o actor Javier Bardem subliñou o momento "crítico" que vive o planeta, cuxa "dolorosa verdade é que está quecendo e só temos dez anos para revertelo, con urxencia, ambición e redución" e, como "algo moi persoal" cualificou a Trump e o alcalde de Madrid, José Luis Martínez- Almedia, de "estúpidos".

A reaparición de Greta

E, ante a sorpresa dos miles de asistentes, Greta Thunberg, que chegou esta mañá á capital con intención de arroupar a marcha, subiu ao escenario, onde recibiu unha grande ovación. Dirixiuse aos cidadáns para dar as grazas e lembrar que "o cambio que necesitamos non vai vir dos poderosos, senón de todos vós" e pediu "empezar a parar esta crise fóra dos espazos das conferencias". "Os nosos líderes están en Madrid para negociar o noso futuro e podo dicirvos que a esperanza non está dentro dos muros da Conferencia de Nacións Unidas (COP25), senón aquí, convosco", insistiu.

Thunberg animou a "seguir coas nosas voces", porque o cambio "non vai vir dos poderosos, senón das masas que demandan acción", e dixo que aínda que "os líderes do carbono nos traizoaron, non imos deixar que saian coa súa, o cambio chega, guste ou non". A marcha polo clima coincide coa celebración da COP25, que debe sentar as bases dos compromisos climáticos dos países con obxectivos máis ambiciosos que os acordados en París (COP21).