CRTVG

Buscar

Arranca a campaña electoral

Publicado o 11/04/2019 20:50

Pablo Casado abre a campaña electoral no Florida Park, a mítica sala de festas do madrileño parque do Retiro. Faino flanqueado polo seu número dous nas listas da capital, Adolfo Suárez Illana, e por Pío García-Escudero, que encabeza a candidatura ao Senado. Oviedo e Vitoria serán as primeiras paradas dunha campaña en que o líder popular percorrerá 15.000 quilómetros e que o traerá este domingo a Santiago de Compostela.

Tamén está xa en ruta o aspirante do Partido Socialista. Pedro Sánchez é o único dos cinco principais contendentes que non abre campaña na provincia pola que se presenta. Está en Dos Hermanas, a localidade sevillana onde hai dous anos anunciou a súa candidatura ás primarias. Hoxe acompáñao quen daquela era a súa rival, Susana Díaz, e tamén a ministra de Facenda, María Jesús Montero. A súa primeira recalada en Galicia será o martes, en Vigo.

Pola mesma cidade pasará na segunda semana da campaña Pablo Iglesias. Baixo o lema A historia escríbela ti, o líder de Unidas Podemos pegará os primeiros carteis en Madrid, onde empezará a pedir o voto da man da súa número dous, Irene Montero, e do coordinador de Esquerda Unida, Alberto Garzón.

A caravana electoral de Albert Rivera botará a andar desde a súa sede madrileña. Alí, o líder de Ciudadanos dará o tiro de saída á súa terceira campaña nunhas xerais, para intentar engrosar os 32 deputados que tivo a formación hai 3 anos.

Quen aspira a pisar por primeira vez o Congreso é Vox. O seu líder, Santiago Abascal, dará o seu primeiro mitin de campaña na madrileña praza de Colón, antes de viaxar mañá a Covadonga. Nin Abascal nin Albert Rivera prevén pisar Galicia nos vindeiros 15 días.

Noticias web

11/04/2019