CRTVG

Buscar

Arquivan catro das cinco investigacións penais abertas en Galicia ás residencias

Publicado o 22/04/2020 18:51
Arquivan catro das cinco investigacións penais abertas en Galicia ás residencias

Catro das cinco investigacións penais abertas polas distintas fiscalías en Galicia relacionadas coa xestión nas residencias de maiores ante a pandemia do coronavirus foron arquivadas, informaron fontes do ministerio público.

Só seguen en vigor as dilixencias penais abertas pola Fiscalía Superior de Galicia en relación á residencia A Nosa Señora da Esperanza, durante semanas o principal foco de contaxio do virus causante da enfermidade da COVID-19 na comunidade autónoma, por mor dunha denuncia da federación de usuarios e familiares REDE. As dilixencias serán remitidas á Fiscalía provincial de Ourense, detallaron as fontes.

Nesa residencia chegáronse a contabilizar máis de cen contaxios do coronavirus entre usuarios e 35 entre traballadores.

As outras catro investigacións penais que figuraban na relación de 86 en todo o país que publicou este martes a Fiscalía Xeral do Estado foron arquivadas.

A de Lugo arquivou unha investigación penal sobre a residencia de Chantada, a de Pontevedra, outra sobre DomusVi Cangas, e a de Ourense, sobre dúas que abrira.

Ademais das dilixencias penais, Galicia concentra outras 11 civís das 121 incoadas en todo o territorio nacional.