CRTVG

Buscar

Arqueólogos lugueses atopan unha estatua romana única no noroeste peninsular

Publicado o 21/02/2020 21:29

Arqueólogos lugueses atoparon unha estatua romana de dous mil anos de antigüidade. A técnica e o material cos que se fixo convértena nunha peza única en todo o noroeste da península. O bo estado que presenta e o feito de atoparse illada do exterior fana aínda máis enigmática. Agora xa se están a estudar as súas características para podela identificar.

Se era unha figura feminina ou masculina, se representaba un deus ou unha persoa, por que presenta unhas vestimentas tan diferentes noutras pezas. Son moitas as interrogantes que plantea esta escultura atopada preto da muralla de Lugo e datada no século I. Tan só en Francia e Gran Bretaña se atoparon pezas similares ata agora. Ademais, o seu propio achado foi sorprendente xa que estaba totalmente illada do exterior e por eso está tan ben conservada. O pé que ten na parte posterior suxire que estaba encaixada noutra pedra, tal vez formando parte dun monumento.

"Atopamos a estatua dentro dunha fosa. Por algún tipo de ocultación ou carácter funerario. E o estar na fosa foi o que a conservou tan ben."

Os arqueólogos van dedicar as vindeiras semanas a seguir analizando a estatua. Que obxecto levaba na man, por que lle falta a cabeza ou que representan as roupas son algunhas das cuestións que queren descubrir. O que parece claro, polos materiais empregados, é que foi esculpida na contorna de Lugo e non traída dende outra zona do Imperio Romano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2020