CRTVG

Buscar

Arde o coche do garda da confraría de Cabo de Cruz cando tentaba identificar uns furtivos

Publicado o 10/02/2020 14:18

Onda a praia de Mañóns, en Cabo de Cruz, queda pouco da pegada do incidente en que quedou inservible un dos coches de servizo que ten a confraría. O venres contra as nove da noite, un dos gardas aparcou alí o coche para ir ao areal onde estaban a mariscar dous furtivos.

Cando ía cara a eles, os clandestinos fuxiron. O garda volveu cara ao coche e viu que tiña lume no capó. Ardía tan axiña que só lle deu tempo de retirar do interior algún obxecto persoal. En cuestión de poucos minutos o coche, que tiña a penas catro anos, quedou inservible.

O garda e os responsables da confraría sospeitan que o incendio foi obra de alguén vencellado co furtivismo. Supoñen que puido estar agochado preto do camiño e que lle prendeu lume cando o garda saíu coa pretensión de identificar os que estaban mariscando ilegalmente.

O vehículo incendiado é no que ían outros gardas da confraría hai uns días e foron arremetidos por un coche de furtivos aos que pretendían bloquear a saída. Ao final os gardas tiveran que afastarse para que o coche dos furtivos non os levara por diante.

Noticias web

10/02/2020