Arde a maquinaria e parte da estrutura dunha nave industrial de Sarria
Un incendio industrial nun polígono do concello lugués de Sarria alertou de madrugada os bombeiros. Rexistrouse nesta nave do polígono de San Xulián da Veiga dedicada á fabricación de produtos derivados da madeira. Afortunadamente, non quedou ferida ningunha persoa, dado que no momento do incendio non había ningúen traballando. Os empregados chegaban pouco despois dos bombeiros e axudáronlles a estes a localizar o foco do lume, que estaba nunha das máquinas.
Cando chegaron os bombeiros, as lapas xa calcinaran varias máquinas e tamén afectaran parte da estrutura da propia nave. Con todo, os bombeiros empregáronse a fondo para atallar o lume ante o perigo de que se propagase ata outras zonas en que había almacenados produtos altamente inflamables.
Tras a intervención dos bombeiros, a zona quedou custodiada pola Garda Civil ata a chegada da policía xudicial, que prodeceu a inspeccionar o lugar do incendio para investigar como se iniciou o lume e esclarecer se se tratou dun accidente ou se o lume puido ser intencionado.